ELECCIÓNS AO PARLAMENTO DA GALIZA

O BNG insta á Xunta Electoral a tomar medidas para que a diáspora poida votar con garantias

galegas_sobre
galegas_sobre
O BNG insta á Xunta Electoral a tomar medidas para que a diáspora poida votar con garantias

[Praga, maio 2020] Desde a Asemblea da Emigración do BNG reclamamos ante a Xunta Electora que se tomen medidas urxentes para que a diáspora poida votar con todas as garantías democráticas e tamén sanitarias nas vindeiras eleccións ao Parlamento da Galiza do 12 de xullo.

A situación de emerxencia global provocada pola pandemia da COVID19 supón unha pedra máis no camiño para que a diáspora poida votar con garantías. Cómpre lembrar que o CERA representa o 17% do electorado e se sumamos o das persoas galegas residentes temporalmente fóra do Estado español, a cifra é moito maior. Unha vez máis somos esquecidos pola Xunta e o Goberno central, que deciden e aceptan unhas eleccións en plena pandemia, sen avaliar o impacto á "quinta provincia galega".

Levamos anos sufrindo as carencias dun arcaico sistema electoral que deixa á emigración a mercé dos servizos de correo postal de terceiros países. Elección tras elección denunciamos problemas na recepción de papeletas ou complicacións debido á exixencia da solicitude presencial (no caso do ERTA). Convocatoria tras convocatoria solicitamos ampliación de prazos e sistemas máis áxiles e telemáticos que faciliten o exercer o dereito ao sufraxio na emigración.

É máis que previsíbel que debido á pandemia os problemas habituais se repitan e debido ás restricións de mobilidade e outras medidas moita xente non poida ou poña a saúde por diante, de ter que desprazarse a outra cidade ou estado a para solicitar o voto sen ningunha garantía de que vai ser recibido a tempo.

Solicitamos perante a Xunta Electoral catro medidas básicas, que se ben, non son a solución ao problema, poden axudar de ser adoptadas:

  • Envío de oficio da documentación para poder exercer o voto a aqueles votantes inscritos no CERA que así a solicitaran nos comicios do 5 de abril;
  • Habilitación dun mecanismo telemático similar ao existente para os votantes CERA que permita ás persoas residentes temporais (ERTA) solicitar o voto sen ter que desprazarse a consulados e embaixadas;
  • Ampliación dos prazos de solicitude e remisión do voto;
  • Que as embaixadas e consulados dispoñan de papeletas e sobres de votación para poder votar aínda que existan problemas cos correos

Unha Nova Galiza

Na Asemblea do BNG na emigración observamos de primeira man como as políticas nocivas e contrarias aos intereses do País dos gobernos do PP xeraron unha nova vaga migratoria. Durante os 11 anos de goberno Feijoo milleiros de galegas e galegos marcharon polo mundo adiante buscando oportunidades que se nos son negadas na Galiza.

Estas eleccións son vitais para un cambio de rumbo que de inicio á Nova Galiza que arelamos. Somos conscientes de que as dificultades son moitas e a nosa saúde é o primeiro. Porén a participación da diáspora é crucial para poder lograr o cambio que o país precisa. Un novo goberno para unha nova Galiza que de prioridade á xente, aos servizos públicos, que poña os intereses de Galiza por diante e que teña en conta á diáspora e xere novas dinámicas que favorezan o retorno.

Para máis información sobre as distintas modalidades de voto desde a emigración consulta estes artigos:

Consulta nesta ligazón o escrito íntegro enviado á Xunta Electoral

 

O BNG insta á Xunta Electoral a tomar medidas para que a diáspora poida votar con garantias