A Quinta República francesa vai esmorecendo

Cada vez que se emprega o artigo 49-3, cada vez que se expulsa un solicitante de asilo ou cada vez que non se escoitan os resultados das urnas, espétaselle un golpe á Quinta República e esta esmorece. Cumpriría mudar de sistema cara a un modelo de xestión realmente respectuoso dos pobos que compoñen o Estado francés e que teña en conta as clases populares sen submisións ás presións da extrema dereita. Máis dereitos e menos dereitas.

A Quinta República francesa vai esmorecendo

Os anos de goberno do presidente francés Emmanuel Macron dan un balance catastrófico en termos de destrución de dereitos sociais(1) pero tamén humanos(2). Estamos perante unha dereitización da política francesa que vén dada non só polas incorrectas análises do espectro da esquerda (solicitude de armamento para axudar militarmente a Ucraína pero non a Palestina, defensa da creación dun exército europeo, apoio á enerxía nuclear...), senón tamén por unha vontade gobernamental de dereitizar a política.

O 5/9/2024, e tras dous meses rexeitando as propostas da Nova Fronte Popular que saíra vitoriosa nas eleccións lexislativas, Macron anuncia o nomeamento dun novo primeiro ministro: Michel Barnier(3), do partido conservador LR (os republicanos). Coñecido pola súa traxectoria política ultraconservadora, xa no 1981 votara en contra da despenalización da homosexualidade e, recentemente, rexeitou facerlle barreira á RN manifestando así a súa permeabilidade coa ideoloxía de extrema dereita.

 

Máis unha vez, Macron amosa pouco tacto democrático no seu xeito de actuar: botou adiante pola forza até 23 leis usando un mecanismo constitucional (art. 49-3) que lle permite aprobar textos lexislativos sen o apoio do parlamento(4), encadeou a oposición política kanak a 20 000 km do seu país(5) e, agora, presenta un primeiro ministro dun partido político que nin sequera gañou as eleccións.

 

1. https://www.europe1.fr/politique/reforme-des-retraites-larticle-493-et-la-ve-republique-acte-100-4172569

2. https://www.lemonde.fr/societe/article/2024/01/27/la-loi-sur-l-immigration-promulguee-par-emmanuel-macron_6213271_3224.html

3. https://www.ouest-france.fr/politique/gouvernement/michel-barnier-designe-premier-ministre-par-emmanuel-macron-29109a42-6ad4-11ef-87ff-6b83746dd621

4. https://www.lemonde.fr/les-decodeurs/article/2023/11/23/avec-dix-huit-recours-en-dix-huit-mois-le-gouvernement-borne-banalise-l-article-49-3_6199896_4355771.html

5. https://la1ere.francetvinfo.fr/je-suis-un-prisonnier-politique-christian-tein-porte-parole-de-la-cellule-de-coordination-des-actions-de-terrain-ccat-en-nouvelle-caledonie-1502258.html?fbclid=IwY2xjawFKbDFleHRuA2FlbQIxMAABHZ_0wcypjQuGrzy9jTYVcKKGOx5tDCs-PS92lenyxUBRz7MBMi4G6dQwrg_aem_rkREZWa0Ya4xFDhSOhtcXw

 

A Quinta República francesa vai esmorecendo