Entrevista a unha militante da diáspora galega

Traba
Traba
Hoxe entrevistamos a María Traba, galega que emprendeu o camiño da emigración coma tantos milleiros de galegos e galegas nestes últimos anos.
Entrevista a unha militante da diáspora galega
Hoxe entrevistamos a María Traba, galega que emprendeu o camiño da emigración coma tantos milleiros de galegos e galegas nestes últimos anos.
 
1.  De onde es orixinariamente e a onde emigraches?
Son da Coruña e emigrei a Berlín, Alemaña.

2.  Cantos anos levas emigrada?
Levo 5 anos e uns meses.

3. Que te motivou a marchar?
Cando a miña parella e máis eu decidimos construír unha vida xuntas (ela xa residía en Alemaña), vímonos obrigadas a valorar as oportunidades laborais dispoñibles. A situación en Galiza, marcada pola precariedade e os baixos salarios, fixo que optar por Alemaña fose a mellor alternativa para garantir a nosa estabilidade.

4. No ámbito que no traballas na emigración, non había emprego na Galiza?
Hai emprego, porén, o nivel de vida é moi diferente. Eu traballaba en Berlín en atención ao cliente e, co meu salario, podía vivir comodamente e aforrar. Co mesmo tipo de traballo en Galiza, tería ata problemas para pagar o alugueiro.

5. Que diferenzas hai entre o mundo laboral galego e o alemán?
Unha das principais diferenzas é a seguridade laboral e as condicións de traballo. En Alemaña, os contratos indefinidos son moito máis comúns e hai unha maior protección social. Ademais os salarios son mellores e os horarios máis equilibrados. A conciliación familiar e laboral tamén está máis avanzada, grazas a medidas como permisos parentais amplos e horarios flexibles. En cambio, en Galiza, a temporalidade e a precariedade seguen sendo problemas frecuentes, especialmente en sectores de servizos.

6. Cando pensas regresar?
A miña intención é regresar en xuño de 2025 para presentarme ás oposicións de educación, coa esperanza de iniciar unha nova etapa profesional e persoal en Galiza.

7. Agora que regresas, por que motivos ou que cousas mudaron na Galiza nestes últimos anos que te motivaron a retornar?
Principalmente, o desexo de establecerme máis preto da familia e das amigas, e contribuír ao desenvolvemento social e cultural de Galiza. Tamén valoro a calidade de vida que ofrece o noso país, especialmente nun contexto máis rural e comunitario, que contrasta co ritmo urbano de Berlín. Ademais, a posibilidade de desenvolver unha carreira na educación pública é un paso que me motiva moito e dame estabilidade a longo prazo.

8. Que consellos lle darías a alguén que conte con emprender o camiño da emigración?
Primeiro, que fagan unha boa investigación sobre o destino: mercado laboral, custos de vida e requisitos legais. Segundo, que aprendan o idioma ou, polo menos, adquiran unha base antes de marchar, xa que facilita moito a adaptación. Tamén lles recomendaría buscar redes de apoio, tanto galegas como locais, para non sentirse illadas. Finalmente, que manteñan a mente aberta e sexan pacientes co proceso de adaptación, xa que a emigración é un reto, pero pode ser unha experiencia enriquecedora tanto a nivel persoal como profesional. Ademais, recomendaríalles manter a ligazón con Galiza, xa sexa a través de asociacións culturais ou organizacións galegas no exterior, porque esa conexión é fundamental para non perder as raíces e para estar informadas das oportunidades que poidan xurdir no futuro.
Entrevista a unha militante da diáspora galega