COMUNICADO DE PRENSA

En defensa do solidariedade internacionalista

LLL Demo 24
LLL Demo 24

Berlín, a 14 de xaneiro de 2024

 

No día de hoxe, como xa é habitual desde fai décadas, celébrase unha manifestación multitudinaria para honrar as figuras de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht, líderes revolucionarios, fundadores do Partido Comunista de Alemaña, asasinados por membros dos Freikorps, unidades paramilitares de corte fascista, o 15 de xaneiro de 1919 en Berlín. Este asasinato político foi posíbel coa connivencia do goberno do SPD na altura e quería atallar a Revolución de Novembro. A manifestación desemboca no Memorial dos Socialistas, situado no cemiterio central de Berlin-Friedrichsfelde.

 

En defensa do solidariedade internacionalista

A policía de Berlín atacou con violencia desmedida unha manifestación que sempre foi pacífica, o bloque de apoio a Palestina, onde se encontraban as nosas compañeiras da asamblea local, xunto con amigos de Euskal Herria, ferindo máis de 20 manifestantes e detendo 15 persoas, nunha carga que só pretende criminalizar o movimento de solidariedade co pobo palestino.

 

O Consello da Emigración do BNG condena a violencia dos corpos policiais da cidade de Berlín, dirixidos mani militari polo alcalde Kai Peter Wegner, da CDU e que goberna coaligado co SPD, socio minoritario. Esta actuación represiva non chega de sorpresa e vén precedidas dunha constante de medidas que pretenden estrangular o asociacionismo de base tanto a nivel de Berlín como a nivel federal e que contén moitos tintes de racismo institucional, mentres o fascismo está en auxe e se promove o odio ás comunidades migrantes.

 

A CDU (Unión Demócrata Cristiá de Alemaña) é o membro máis amplo dentro do Partido Popular Europeo, grupo do cal forma parte o PP galego, presidido por Alfonso Rueda. En numerosas ocasións, os membros deste grupo, fomentaron o militarismo e a carreira armamentística e evitaron condenar agresións de carácter imperialista a poboacións civís por parte dos socios da UE.

Desde o Consello da Emigración do BNG condenamos este ataque inxustificado á liberdade de expresión e de manifestación, rexeitamos a criminalización da solidariedade co pobo palestino e pedimos que se pare de inmediato o xenocidio perpetrado polo estado israelita. O alto o fogo é o máis urxente agora.

 

VIVA A SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL!

PALESTINA VENCERÁ!

 

 

 

En defensa do solidariedade internacionalista