COMO MANTERMOS VIVO O GALEGO NA EMIGRACIÓN

A lingua galega na emigración

lingua de fora
lingua de fora
Nesta entrevista, o Daniel G. B. cóntanos como fai para lles transmitir a lingua galega ás súas fillas na emigración.
A lingua galega na emigración

1. Para comezar, poderías contarnos un pouco sobre a túa experiencia persoal de galego emigrado en Francia? 

Si, claro, cheguei a comezos do mes de outubro do 2014, para experimentarmos a miña compañeira e máis eu a convivencia. Primeiro vivimos en Laval (pertiño da Bretaña) e logo mudámonos a Lyon antes de mercarmos en 2018 unha casiña no rural do departamento do Ain. Son tradutor de formación mais recicleime en mestre de inglés ao chegar a Francia e pasei as opos en 2018.
Logo da pandemia, naceron Maïa en 2021 e Lúa en 2023. 


2. Como mantés contacto coa lingua e a cultura galegas?

Literatura, música en galego e moito podcast (sobre todo antes, agora moito menos). A radio, tento de cando en vez, mais amólame a súa baixísima calidade comparada coa de aquí.
E dende que teño fillas, música infantil, contos e deseños animados en galego.
 

3. Xa tiñas claro desde un principio que lles querías transmitir a lingua galega ás túas fillas?

Dende ben antes de saber se quería ser pai, sabía que de cadrar así, sería en galego. Sempre o tiven moi claro, sendo fillo dun castelanfalante (por mor da ditadura), mais neto dun paleofalante, sempre achei que era o meu deber corrixir o tiro da historia na miña familia e criar paleofalantes mesmo se foren criadas por un neofalante. E neste caso non só serán galegofalantes mais tamén serán francófonas.
 

4. Como foi o proceso de introducir o galego na casa?

Ao inicio non foi doado porque a nosa parella era monolingüe en francés, e a miña compañeira tendo raíces cántabras tería gostado que eu lles falase en español mais co tempo foise afacendo á idea. Agora mesmo ela entende perfectamente o galego e mesmo, na intimidade da familia, canta, le e solta algunhas verbas en galego. Agora ve a lingua como a outra lingua das súas fillas.
 

5. Enfrontácheste a algunha dificultade para manter a motivación, túa e das túas fillas, para transmitir o galego?

Si, xusto ao inicio. Tiña medo de que non servise para nada, e que rematasen por falar únicamente en francés. Amais, tiven problemas de aceptación pola banda do meu pai, nacido na ditadura e para quen o galego é só útil nas corredoiras do rural galego.
Tamén o feito de que na Francia todo o mundo coida que o que lles falo ás miñas fillas é español.
 

6. Notas algunha reacción na contorna, por exemplo, na escola, cando te dirixes ás túas fillas en galego?

Xustamente, ás veces algunha persoa curiosa achégase para preguntar se o que falamos e portugués ou español. A meirande parte das veces optan polo español porque é un son máis coñecido para eles que o luso. 
Na escola ningún problema, saben que Maïa é bilingüe e non me puxeron problema ningún. O feito de que a miña compañeira sexa francesa axuda, porque o francés tamén está presente na casa, entón a República pode durmir tranquila.
Na miña familia política, ás veces hai incomprensións mais aproveito a ocasión para facerlles practicar a tradución ás miñas fillas.
Cos amigos ningún problema, ven iso como unha riqueza.
 

7. Que papel desempeña a cultura galega na vosa vida diaria (literatura, música, celebracións, etc)?

As nenas escoitan moito conto en podcast; de moi cando en vez, a grande goza cos deseños animados en galego (devece polo Xabarín club), e lemos xuntos moitos contos en galego (son moi fans dos Bolechas).

Celebramos o Apalpador todos os 31 de decembro e datas sinaladas como o día da patria ou o 17 de maio.
 

8. Que facilidades e que dificultades atopaches para transmitir o galego na emigración?

No tocante ás facilidades, sería o non contacto coa lingua española, o que evita as interferencias. Curiosamente as interferencias co francés fan, na meirande parte dos casos, que a lingua resultante (mesmo se cun forte sotaque galo) sexa máis coidada e os pronomes ben colocados. O feito de ser eu mestre de linguas e tradutor de formación, fai que eu tente de transmitir unha lingua o máis pura e correcta posíbel, mesmo se ás veces teño conflitos internos no tocante á escolla dalgúns termos (chupete ou chucheta ou chucho?, cepillo ou escobiña dos dentes?).

As dificuldades serían a falta de material sonoro de calidade (co fin de evitarmos as pantallas). Os poucos contos que se atopan na internet, son iniciativas particulares na meirande parte. 
Non hai un equivalente digno de ese nome do Mon Petit France Inter.
AGalega audio podería realizar máis contido para crianzas en galego: Documentais e historias.
 

9. Que lle solicitarías á Xunta, ou ás institucións francesas, para che facilitaren a transmisión do galego na emigración?

Por pedir, máis material sonoro, audiovisual e unha aplicación correctamente mantida que non dea fallos. Máis facilidades para criarmos as crianzas na emigración. Campamentos de verán para crianzas (urbanos e rurais) para crearen vencellos de amizades e co país durante o verán. Programas de intercambios epistolarios, por exemplo. Todo canto for necesario para que as crianzas non vexan isto como a teima de papá.
Á República Francesa, por pedir, o recoñecemento do galego como lingua dentro do sistema lusófono e posibilidade de se poderen presentar ao baccalauréat en galego portugués (sabendo que o portugués xa está admitido como lingua estranxeira no Bac). Tamén máis visibilidade nos programas de español e portugués da lingua galega de secundaria e bacharelato.


10. Que consello lles darías ás familias emigradas que queren manter a cultura galega na emigración?

Vontade, autodisciplina e determinación. 
No exterior o dilema non é galego vs español. Máis ben é monolingüe (francés) vs bilingüe. O camiño máis doado, para quen non quixer romper a testa, é sen dúbida o monolingüismo (francés), a sociedade francesa está deseñada cara á asimilación. O bilingüismo (francés máis galego ou outra lingua) sempre é pasarmos polos bechos raros do parque, sobre todo cando se trata dunha lingua minorizada que ninguén coñece. 
Mais non podo facer outra cousa que vos dar moitos azos e vos aconsellar de escollerdes o galego como lingua vehicular coas vosas crianzas. Mesmo se coma min, o avó falar español, veredes unha auténtica revolución a prol do galego na vosa familia, xa que ou galego ou francés/alemán/inglés/polaco. Naturalmente, escollerán o galego, mesmo se non o falan de cote. 
Asemade, é unha ledicia vermos coma as súas voceciñas nos fan viaxar de volta á terra grazas á maxia da verba. Dende que son pai destas dúas rapazolas, non padezo de morriña xa que onde quixer que eu falar coas miñas fillas, estou en Galiza. Elas son o meu país.


11.  Estando emigrado, contas con regresar á Galiza a curto-medio prazo?

Máis ben a medio-longo prazo. Por motivos laborais, tendo praza fixa no ensino non me vexo facer as oposicións de novo na Xunta. 
Se cadra cando Maïa e Lúa foren grandes e as circunstancias o permitiren, voltaremos.


Obrigado, Daniel, polo tempo que nos brindaches para esta entrevista e por lles amosares aos milleiros de galegos emigrados que si é posíbel transmitir a lingua galega na emigración e o agarimo á nosa terra.

A lingua galega na emigración