O BNG reclama en Bruxelas que se active o mecanismo europeo de protección civil
A portavoz do BNG en Bruxelas presentou unha iniciativa na Eurocámara para reclamar da Comisión Europea a posta en marcha do Mecanismo Europeo de Protección Civil, -como xa fixo Portugal-, para responder ás necesidades inmediatas derivadas da vaga de lumes, ademais de reclamar do Executivo comunitario que esixa ao Goberno español o cumprimento da normativa de prevención e extinción de incendios.

O Bloque trasladou á Comisión Europea a situación provocada pola vaga de incendios, e demanda do Executivo comunitario medidas extraordinarias e urxentes de apoio a Galiza, así como activar este mecanismo europeo previsto para afrontar situacións de catástrofe ambiental entre outras.
“Dirixímonos a Comisión Europea para solicitar a posta en marcha deste mecanismo, como xa solicitou Portugal, e para que espabilen os comisarios de Agricultura e, en particular, o comisario español Miguel Arias Cañete que ademais é responsable das actuacións en relación ao cambio climático, como responsable de Enerxía e Acción polo Clima”, indicou Miranda.
“Este mecanismo abriría a posibilidade de axudas para a prevención e extinción de incendios, así como para a recuperación das zonas afectadas”, salientou a portavoz en Bruxelas, ademais de reclamar “un estudo de impacto climático e da repercusión dos lumes e da seca en Galiza”. Neste sentido, o Bloque pide ao presidente do Estado español, Mariano Rajoy, que aproveite a súa visita á capital comunitaria para pedir a posta en marcha dese mecanismo.
Miranda tamén salienta que o Bloque “leva anos reclamando unha coordinación das políticas de prevención e extinción de incendios a nivel europeo”, ao tempo que denuncia ante o Executivo da UE que o Estado español leva anos precarizando e reducindo os medidos de extinción de incendios. A portavoz do Bloque en Bruxelas tamén mantén contactos con eurodeputados, como é o caso do referente agrarista e altermundista José Bové, para explicar a situación vivida estes días en Galiza e recabar o seu apoio na Eurocámara.