Chamamos á diáspora a votar masivamente polo BNG
A través dunha intensa campaña nas redes, alertan da importancia do voto da emigración, que podería ser determinante
Praga, 19 abril 2019. Estamos no ecuador da campaña electoral para as Xerais que tamén se está a vivir intensamente na Asemblea da Emigración. Desde o pasado mes de marzo, nun esforzo coordinativo sen precedentes, estamos a desenvolver unha campaña a través das nosas redes, informando dos pasos e prazos do voto desde o exterior, animando á participación e incidindo no peso específico da emigración, que pode ser determinante para recuperarmos a voz no Congreso e consolidar o escano en Europa.
Un traballo en equipo entre as asembleas e coordinadoras de Alemaña, Asturies, Chequia, Catalunya, Arxentina, Suíza, Estados Unidos de América, Portugal, Francia e outras, onde a través da redes e dos nosos contactos no terreo, trasladamos a importancia de que o noso País conte con voz propia, sen dependencias, no Congreso e no Parlamento Europeo, como única garantía de que os nosos problemas e as nosas aspiracións como pobo van ser escoitadas.
Para visualizar o apoio da diáspora ao BNG pedimos a colaboración de todas as persoas que nos apoian polo mundo adiante compartindo foto nas redes co cancelo #AEmigraciónCoBNG, publicarase un álbum con todas as imaxes recibidas.
Por último facemos un chamamento a todas aquelas persoas que tiveron que emigrar a votar masivamente polo BNG nos vindeiros comicios ás Cortes Xerais e ao Parlamento Europeo.
O voto que vale por dous, para frear ás dereitas e para dar voz ao noso País.
Se o BNG está, Galiza está!!