Opinión: Hugo M. Andrade

A solidariedade non é un delito

Unha nova vaga de represión asola os dereitos civís e democráticos da militancia na chamada Patria dos Dereitos Humanos. Curiosamente, en chinés, «Francia» dise «fà guó», o que significaría «País da Lei». Porén, desde a chegada de Emmanuel Macron á Presidencia, a escalada da violencia institucional semella non ter límites: arrestos preventivos de persoas a domicilio, milleiros de custodias policiais e, máis recentemente, condanación de persoas que amosan o seu apoio público á resistencia palestina contra a invasión sionista israelí.

Sen esquecermos as múltiples persoas anónimas que padecen a presión policial por teren amosado o seu apoio a Palestina, tamén existen personalidades como a candidata da Francia Insumisa ás europeas (Rima Hassan) acusada de apoloxía do terrorismo ou JL Mélenchon, a quen lle cancelaron unha conferencia que ía impartir con ela.

O goberno ultraliberal de Macron trazou unha folla de ruta para instaurar unha economía de guerra que vai desde a implantación do Servizo Nacional Universal para estudantes de secundaria, até o anuncio de 10 000 millóns de euros en recortes nos servizos públicos, pasando mesmo por unha declaración na que anunciaba que estaría disposto a axudar militarmente a Zelenski asegurando non ter ningunha «liña vermella» nin «límite».

Neste contexto abertamente belicista, non é de estrañar atopármonos con prohibicións de manifestacións a favor da liberdade de Palestina que mesmo Amnistía Internacional considera «un ataque desproporcionado ao dereito de protesta».

A economía de guerra é inimiga da clase traballadora e supón a imposición dun retrógrado ditame neocapitalista. Como traballadoras e traballadores, non podemos permitir a preponderancia da guerra sobre os servizos públicos, nin a normalización dunha ideoloxía reaccionaria que nos impida amosarmos a nosa solidariedade co pobo palestino.

A solidariedade non é un delito.

 

  1.  https://www.lemonde.fr/societe/article/2019/11/16/un-an-apres-le-debut-du-mouvement-la-colere-des-gilets-jaunes-places-en-garde-a-vue-preventive_6019399_3224.html
  2.  https://www.lemonde.fr/societe/article/2019/11/08/gilets-jaunes-plus-de-3-000-condamnations-par-la-justice-entre-novembre-2018-et-juin-2019_6018431_3224.html
  3.  https://www.france-palestine.org/Ne-laissons-pas-condamner-Jean-Paul-Delescaut
  4.  https://www.liberation.fr/politique/rima-hassan-candidate-lfi-aux-europeennes-convoquee-pour-apologie-du-terrorisme-20240419_HYOV3WUDRRH4XIWRUCZRK73ALA/
  5.  https://www.snes.edu/article/classe-engage-lycee-engage-snu-cest-toujours-non/
  6.  https://www.humanite.fr/social-et-economie/austerite/austerite-comment-le-gouvernement-orchestre-un-choc-a-10-milliards
  7.  https://www.lefigaro.fr/international/guerre-en-ukraine-emmanuel-macron-annonce-la-creation-d-une-coalition-pour-fournir-des-missiles-et-bombes-20240226
  8.  https://www.capital.fr/economie-politique/guerre-en-ukraine-emmanuel-macron-promet-un-soutien-illimite-a-kiev-le-kremlin-repond-1493465
  9.  https://www.amnesty.org/es/latest/news/2023/10/ban-on-protests-supporting-palestinians-is-disproportionate-attack-on-the-right-to-protest-in-france

Cando o centralismo devén insultante

«A lingua da República é o francés. [...]», así de contundente é o artigo 2 da Constitución do 4 de outubro do 1958.(1) Para protexer as linguas autóctonas, en primeiro lugar, cómpre...

COLETES AMARELOS

[Pau, setembro 2019] O 17 de novembro do 2018, un movemento sen precedentes viu a luz no Estado francés. A cidadanía, vestida co xa simbólico colete amarelo, botou a andar nas rúas para...