Cando o centralismo devén insultante

Cando o centralismo devén insultante

«A lingua da República é o francés. [...]», así de contundente é o artigo 2 da Constitución do 4 de outubro do 1958.(1)

Para protexer as linguas autóctonas, en primeiro lugar, cómpre oficializalas, garantir de facto o seu ensino e asegurar o seu uso normalizado nas institucións estatais. Con todo, ben sabemos que estas medidas non abondarían xa que, para garantir a súa transmisión interxeracional, precísase tamén favorecer o seu emprego con normalidade —e sen prexuízos—, tanto no eido familiar coma nos intercambios sociais.

As linguas autóctonas son mencionadas no artigo 75-1 da Constitución no que se considera que «as linguas rexionais pertencen ao patrimonio de Francia. [...]».(2) Nin sequera a lingua de signos francesa goza de status oficial, xa que só é recoñecida como «lingua» grazas á lei do 11 de febreiro do 2005. Así, o Código da Educación asegura, na teoría, o ensino da LSF: «todo alumno interesado debe poder recibir un ensino da lingua de signos francesa [...]»(3) (art. L. 312-9-1). Doutra banda, a República asinou, pero non ratificou, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.(4)

Xa que logo, fica claro que o Estado francés debe avanzar xuridicamente cara ao recoñecemento das linguas distintas do francés; porén, tamén é de salientar a necesidade dunha mudanza na conciencia colectiva para crebar prexuízos contra as linguas que son actualmente minorizadas. Así, o día 11/3/2021, o Ministro de Interior non tivo mellor idea ca cualificar as linguas de «chapurreo» aludindo, ademais, á etimoloxía bretoa desta palabra en francés. Tamén dixo que non gosta de facer «esforzos inútiles».(5)

Un deputado escandalizado polas verbas do Ministro, tras ter recibida unha mensaxe dunha terceira persoa indignada con estas declaracións, exixiulle a este que se retractase. Ao que o Ministro lle retrucou: «ao autor desta mensaxe, de existir, preséntolle aquí publicamente as miñas escusas». Non só semella surrealista que alguén poida, aínda hoxe en día, relacionar unha lingua con «chapurreo» senón que, ademais, coas súas desculpas só se referiu a unha única persoa e non ao conxunto da poboación. Tampouco semella que lle importen o «patrimonio» francés nin a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias; por riba, aínda se permitiu cuestionar a existencia da autoría desa mensaxe.

Por todo isto, é evidente que temos aínda moito camiño que percorrer na defensa das linguas minorizadas, tanto legal coma socialmente; así, é imprescindíbel mudarmos tanto as actitudes e prexuízos coma a legalidade vixente.

(1) Art. 2 Constitución: https://www.legifrance.gouv.fr/loda/article_lc/LEGIARTI000006527453/
(2) Art. 75-1 Constitución: https://www.legifrance.gouv.fr/loda/article_lc/LEGIARTI000019241104/
(3) Art. L. 312-9-1, Código da Educación: https://www.legifrance.gouv.fr/jorf/article_jo/JORFARTI000002062948
(4) Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias: https://www.coe.int/fr/web/conventions/full-list/-/conventions/treaty/148
(5) Artigo: https://abp.bzh/le-garde-des-sceaux-qualifie-les-langues-regionales-d-51954

Cando o centralismo devén insultante