COLETES AMARELOS

COLETES AMARELOS
Peaxe na cidade de Pau o 20/2/2019, durante unha operación peaxe gratuíta.
Peaxe na cidade de Pau o 20/2/2019, durante unha operación peaxe gratuíta.

[Pau, setembro 2019] O 17 de novembro do 2018, un movemento sen precedentes viu a luz no Estado francés. A cidadanía, vestida co xa simbólico colete amarelo, botou a andar nas rúas para amosar o seu descontento coas políticas neoliberais do goberno de Macron.
A suba do prezo do diésel para equiparalo ao nivel da gasolina foi o elemento detonador que fixo estourar a cólera da poboación.

O movemento tivo tanto éxito que até houbo dificultades no abastecemento deste produto.

Vestidos con el, ou pousados ben visibles no cadro de mandos dos vehículos, os coletes apareceran xa no serán do 16 de novembro de 2018.

A día 31 de agosto de 2019, van 42 sábados ininterrompidos con marchas en contra do goberno xacobino: o que comezara como protesta pola suba do carburante deu en converterse nun amplo movemento social cidadán conformado por persoas descontentas coa xestión do goberno galo. Entre as reivindicacións atópanse a suba do salario mínimo, das pensións, a protección dos servizos públicos (ensino, sanidade, bombeiros...), unha clara aposta pola ecoloxía e o respecto do medio natural, a oposición ás granxas-fábricas de até 17 000 porcos, a oposición á supresión do imposto sobre a fortuna, a eliminación do salario da esposa do Presidente que non foi elixida nas urnas, etc.

O Goberno, as forzas da orde, así como os medios e mesmo os tribunais, desmereceron desde o primeiro día a amplitude do movemento ao daren ben sexa falsas informacións, ocultado a verdade, arrestando aleatoriamente as persoas na rúa (estivesen ou non a manifestarse), rompendo as cámaras dos xornalistas máis comprometidos, batendo, gaseando e disparándolle á xente, acusando e condenando a persoas por delitos que non cometeron... Hai até persoas que perderon un ollo, unha man, ou mesmo a vida! Os casos de Zineb Redouane (morta por disparo con bala de caucho) e de Steve Caniço (probablemente morto afogado) son os máis coñecidos; este último, non directamente relacionado cos coletes amarelos pero si coa violencia policial, desaparecera durante un mes durante a festa da música que ten lugar todos os anos e na que a policía comezara a gasear para pór fin á celebración. Foi atopado morto no río Loira, corrente arriba do lugar da desaparición.

Son tamén moi habituais as prohibicións de manifestarse publicamente, ben sexa dirixidas a persoas individuais ou ben colectivamente nun departamento dado.

Amnistía Internacional xa se posicionou publicamente sobre a preocupante situación no Estado francés e a sistemática violación dos dereitos humanos e publicou un vídeo explicativo con testemuñas.1

Entre as accións simbólicas dos coletes amarelos atópanse a operación peaxe gratuíta, a construción de muros diante da porta do gabinete dalgún deputado, marchas multitudinarias —incluíndo marchas nocturnas— con slogans e cancións claramente antigobernamentais.

Escándalo tras escándalo, o ministro de Rugy tivo que dimitir2 por gastos excesivos, alugar un aloxamento social destinado a persoas con baixos recursos e vivir na opulencia;3 pola súa banda, a directora do gabinete tamén posuía un aloxamento social no que, ademais, nin sequera vive desde hai 12 anos.4 As ceas fastuosas do ex-ministro sentáronlle moi mal á cidadanía que, por riba, tivo que aturar as súas excusas: «Lagosta! Non me gusta! Teño unha intolerancia. Non me gustan as ostras, non bebo champaña. Odio o caviar! A champaña fai que me doia a cabeza».5

A pesar das fotografías filtradas polo xornal Mediapart e do feito que a intolerancia á lagosta non existe,6 de Rugy fixo esas declaracións.

Mentres Macron vai perdendo en credibilidade, ao movemento dos coletes amarelos aínda lle quedan moitos sábados para manifestar.

As cifras non son claras pero, segundo a Wikipedia, habería 2 000 coletes amarelos condenados, 390 na cadea, máis de 4 100 feridos e uns 8 700 arrestos en prisión preventiva.7

Paralelamente ao movemento, a deriva autoritaria macronista está presente noutros ámbitos (como o caso de Steve antes mencionado). Ademais, Macron pronunciou unha alocución na que informaba da creación dun comando militar do espazo exterior. Surrealista como puideron soar estas declaracións, o certo é que durante o desfile militar do 14 de xullo, un individuo montado nun dron sobrevoou cunha metralleta os Campos Elíseos.8

Cómpre mencionar tamén un caso de estrangulamento9 por parte dos CRS (policía antidisturbios) a un home que acabou por perder o coñecemento. Son tamén numerosos os vídeos que amosan casos de violencia policial que circulan polas redes sociais, incluíndo Youtube.

Con motivo do cumio do G7 que tivo lugar na cidade de Biarritz no País Vasco Norte, o Goberno tomou estritas medidas de control policial que ían desde a prohibición de manifestación, de estacionarse preto das autoestradas, de abrir as fiestras, até puntos de control de identidade na rúa para ir traballar ou regresar á casa. Algunhas desas medidas duran un mes até o 15 de setembro. Ademais, varias persoas de orixe xermana foron acusadas e condenadas a entre dous e tres meses de cadea incondicional por transportaren supostamente armas cando en en realidade levaban «literatura de esquerdas» e ningunha arma.10 Non puideron contactar as súas familias, nin ser representados por un avogado da súa escolla, nin ter un intérprete alemán-francés.

Por último, un home de 38 anos morreu a mans da policía o pasado  4 de xullo de 2019. As forzas da orde usaron contra el un Taser, calificado por Amnestía Internacional como arma letal pero que a policía francesa segue a usar.11

  1. https://www.amnesty.fr/liberte-d-expression/actualites/france-gilets-jaunes-histoire-dune-repression

  2. https://www.liberation.fr/direct/element/francois-de-rugy-a-presente-sa-demission-du-gouvernement_100236/

  3. https://www.huffingtonpost.fr/entry/francois-de-rugy-son-logement-social-pres-de-nantes- tague_fr_5d309658e4b0419fd329a389

  4. https://www.ouest-france.fr/politique/francois-de-rugy/la-directrice-de-cabinet-de-francois-de-rugy-conserve- un-hlm-durant-douze-ans-sans-y-habiter-6439611

  5. https://www.lexpress.fr/actualite/politique/diners-fastueux-de-rugy-indecence-tartuferie-les-critiques-se- multiplient_2088940.html

  6. https://www.lepoint.fr/sante/affaire-rugy-l-intolerance-au-homard-n-existe-pas-13-07-2019-2324400_40.php

  7. https://fr.wikipedia.org/wiki/Mouvement_des_Gilets_jaunes

  8. https://www.youtube.com/watch?v=v8d6oGPRri8

  9. https://francais.rt.com/france/65493-manifestant-aurait-bel-bien-ete-etrangle-bac-nantes-nouvelle-video? fbclid=IwAR0pGql2iOFfqB2cpmD_z4b2fwKi6oaeuPRCyjzrmstgO8FDSWHonbbTT5U

  1. https://blogs.mediapart.fr/edition/eurojournaliste/article/030919/de-la-prison-ferme-pour-avoir-transporte-de- la-litterature-gauchiste? fbclid=IwAR3EujFSPUKd3yU6A9lJ5ZKbN44hiCvCssix4sz8XeNS_WYBA7aRJaEADFY

  2. https://www.revolutionpermanente.fr/Violences-policieres-un-homme-meurt-apres-avoir- recu-deux-tirs-de-Taser?fbclid=IwAR1yxH2-eYh8-7usne14UOec- 3jk7jd9vHVtQxNHLl7e8SrCmllWQgJBKwI

COLETES AMARELOS