Eleccións estatais en Ecuador en 2021

Un achegamento galego dende Quito aos comicios do país latinoamericano
Eleccións estatais en Ecuador en 2021

O vindeiro 7 de febreiro, algo máis de 13 millóns de ecuatorianas e ecuatorianos están chamadas ás urnas, nun proceso electoral que se debería ter celebrado no 2020, pero que se tivo que retrasar. No Ecuador a política ten certas características que o fan moi particular. Unha delas, e que me chama bastante a atención, é que os partidos políticos como os coñecemos na Galiza, non existen ou, en todo caso, son poucos. A meirande parte tenden a esmorecer e créanse coma quen muda de roupa e non duran máis dun proceso electoral. Hai moitas alianzas estrañas, partidos que se crean para apoiar a outros, políticos que hai anos estiveron noutras listas e agora trocan, etc., polo que a cidadanía que vai votar pensa antes nunha persoa que nun movemento político ou partido.

A intención deste artigo é deitar un pouco de luz e coñecemento básico sobre a política ecuatoriana dende o punto de vista dun galego máis na diáspora. Non son experto nestes temas, pero teño ben claras as miñas opcións e ideas sobre a clase política. Alén diso participei en numerosas marchas, polo que coñezo ben a realidade quiteña, onde apoiei activamente a todas aquelas persoas que loitaron contra a explotación petroleira, así como contra as explotacións mineiras a grande escala e a ceo aberto e, en xeral, contra todo o que non respecte esta natureza ecuatoriana tan diversa e única. Mención aparte merecen as protestas de outubro de 2019, onde os movementos indíxenas estiveron loitando nas rúas, corpo a corpo e con 11 mortos a mans do goberno neoliberal de Lenín Moreno. Nesa loita non estiven en primeira liña pola miña condición de pai e estranxeiro, pero si que estivemos apoiando día tras día con víveres, cociñando nos lugares seguros das universidades, aportando roupa, medicamentos, e todo o que puidemos. Este capítulo merece un artigo aparte, polo que non me vou estender máis, pero quedoume moi claro polo que loita cada “bando” e a capacidade de parte da cidadanía ecuatoriana de facer outra sociedade e país a través da autoorganización, da solidariedade e do concepto de comunidade.

A débeda que afoga o país

Volvendo ás eleccións de 2021, hai aínda moita incerteza (a día de hoxe, 12 de decembro) sobre todas as listas que van participar. Unhas están inscritas pero poden ser denegadas, outras están por se inscribir ou nun proceso de análise… Porén, hai algo moi claro; o goberno actual de Lenín Moreno (sucesor de Correa no movemento Revolución Ciudadana) debe deixar de gobernar, polo ben da cidadanía e polo ben do país en xeral. O nivel de endebedamento é brutal, sendo xa de polo menos 7.500 millóns de dólares (que antes da pandemia xa había outro endebedamento). Isto é pior se pensamos nos preto de 300 millóns que o goberno deu aos militares e policías durante o mes de outubro das protestas, e nos millóns máis que aínda agora están a transferir. Millóns que entregou maioritariamente o FMI a cambio de políticas neoliberais contra as que se loitou precisamente en outubro. Durante ese mes das protestas, Lenín tivo que derogar o decreto das políticas neoliberais para calmar os ánimos. A xente saíu das rúas, inda que ó longo dos meses de pandemia faltoulle tempo para ir aplicando cada punto daquel polémico decreto moi pouco a pouco.

A poboación ecuatoriana está nunha situación de pobreza, unha boa parte en extrema pobreza. As políticas para frear a Covid-19 non están dando resultados, e os contaxios están aumentando constantemente en porcentaxes variábeis. A nivel laboral a educación é 100 % virtual, aínda que hai un plan de ir abrindo pouco a pouco as escolas rurais primeiro, e logo as que superen os requisitos do Comité de Operacións de Emerxencias (COE) nacional, cun retorno sempre voluntario. Houbo, ademais, moitos despedimentos sen ningún apoio económico , que mesmo foron facilitados con novos contratos curtos e cunha flexibilidade abraiante. A violencia machista incrementouse exponencialmente nestes meses, sen visos de se reducir (non colabora a ineficiencia da xustiza, malia recoñecer o feminicidio como figura legal). Na rúa, centos de milleiros de comerciantes informais tentan levar algo á casa, cando llelo permite  a policía local, que non só lles prohibe estar na rúa vendendo, senón que aínda por riba lles ciscan todo no chan (embora sexa froita e verdura).

Candidaturas

Con este panorama, as posibilidades electorais son as seguintes:

  1. Isidro Romero Carbo: ex-presidente do Barcelona SC de Guayaquil, empresario e dono do Córdoba CF xunto con un grupo español.
    • Preséntase polo Movimiento Avanza, creado por un ex-ministro do goberno de Correa, Ramiro Gonzalez (agora prófugo da xustiza).
    • Actualmente vive no Estado español.
    • Foi director do grupo empresarial Noboa (de Álvaro Noboa, que tamén quere participar nas eleccións) de exportación de banano.
    • Ten boa relación co social cristián Jaime Nebot, empresario e político guayaquileño que se caracteriza polo seu populismo e liberalismo.
    • Programa electoral.
  2. Pedro José Freile:
    • Pertence ao Movimiento AMIGO.
    • Posturas a favor da legalización do aborto e do apoio á comunidade LGBTI+, duplicación da produción petroleira do país (no que pensa basear a súa proposta, mantendo así a matriz de produción do país), non cre na discusión esquerda-centro.
    • Programa electoral.
  3. César Montufar:
    • Preséntase polo Partido Socialista Ecuatoriano.
    • Contrario declarado de Rafael Correa e do seu goberno.
    • En varias ocasións achegouse ó movemento CREO, do banqueiro Guillermo Lasso (neoliberalismo).
    • Defínese coma un político de centro, lonxe de dereita a esquerda.
    • Programa electoral.
  4. Guillermo Celi:
    • Preséntase polo Movimiento SUMA.
    • Fixo estas declaracións unha vez que saíu elixido como candidato de SUMA para a presidencia do goberno: “dándole importancia a los valores de la familia ecuatoriana, apostando a la innovación en educación, salud y generación empleo, turismo y producción agrícola”.
    • Contrario á legalización do aborto.
    • Programa electoral.
  5. Juan Fernando Velasco:
    • Preséntase polo Movimiento Construye.
    • A súa vida profesional desenvolveuna coma cantautor.
    • Ex-ministro de cultura con Lenín Moreno.
    • No seu programa, aparentemente, hai un compromiso na loita contra a violencia machista.
    • Programa electoral.
  6. Andrés Arauz:
    • Participa por Centro Democrático.
    • Ocupou diversas posicións durante os gobernos de Rafael Correa e preséntase co apoio explícito do ex-presidente.
    • Membro do consello executivo de Progressive International, organización fundada en 2020 onde hai outras persoas coñecidas coma o propio Correa ou N. Chomsky.
    • Programa Electoral: a día de hoxe non se aproba a súa candidatura, polo que non se pode consultar.
  7. Guillermo Lasso:
    • Pertence ao Movimiento CREO.
    • Propietario do Banco de Guayaquil.
    • Xa se presentou 3 veces, cadansúa cun colega candidato a vicepresidente diferente en con variedade canto a “ideoloxías”.
    • Un dos protagonistas da gran crise do “feriado bancario”.
    • Posúe numerosas empresas offshore en Panamá.
    • Embaixador itinerante do Ecuador durante o goberno de Lucio Gutiérrez.
    • Firme opositor de Rafael Correa, e dos dereitos LGBTI+ así como da legalización do aborto.
    • Conta co apoio do Partido Social Cristiano de Nebot e Cynthia Viteri.
    • Programa electoral.
  8. Xavier Hervás:
    • Preséntase polo movemento Izquierda Democrática.
    • Unha das súas propostas bandeira é o desenvolvemento da agroindustria coa que quere reactivar o Ecuador. Polos seus actos e declaracións aparenta apoiar o sector público.
    • Programa electoral.
  9. Gustavo Larrea:
    • Preséntase polo movemento Democracia Sí.
    • Amplo historial político.
    • Seu pai, Hugo Larrea, foi ministro no goberno de Velasco Ibarra.
    • Membro do Frente Revolucionario Estudiantil (relacionados co Movemento Izquierda Revolucionaria) do que tamén foi membro o actual presidente Lenín Moreno e co que loitaron contra a ditadura militar.
    • Fundador en 2006 de Alianza País xunto a Correa, Alberto Acosta e Ricardo Patiño.
    • No seu plan de goberno afirma que apoiará a educación, a produción e a saúde pública.
    • Programa electoral.
  10. Ximena Peña:
    • Preséntase polo movemento Alianza País.
    • Única muller que se presenta para presidenta.
    • Unha das poucas candidatas que teñen os seus títulos académicos rexistrados na Secretaría Nacional de Ciencia, Educación Superior y Tecnología (Senescyt).
    • Foi parte da Revolución Ciudadana (2008), e cando houbo a escisión decidiu quedar cos que apoiaron a Lenín Moreno.
    • Foi unha das que idearon a iniciativa legal para a legalización do aborto como parte do Código Orgánico Integral Penal (COIP),cal finalmente non se aprobou na Asemblea Nacional (incluía o aborto por violación).
    • Mostrouse publicamente en contra da decisión do executivo (o presidente Lenín Moreno)de aprobar o Código Orgánico de Salud (ou COS, que incluía a obriga de atención médica inmediata no caso de emerxencias obstetricias e prohibía as clínicas de terapias pseudocientíficas contra a homosexualidade, entre outras propostas) e que xa fora aprobado na Asemblea Nacional. Lenín vetou totalmente esta nova proposta, e con el as posibilidades legais que tiñan as mulleres para poder acceder a un aborto legal, seguro e gratuíto.
    • Programa electoral.
  11. Yaku Pérez:
    • Preséntase polo Movimiento de Unidad Plurinacional Pachakutik.
    • Tivo algúns achegamentos a outros líderes como Lucio Gutiérrez ou Correa, pero en ambos casos, e aparentemente, non houbo lealdade aos acordos iniciais. O máis recente, con Correa, foi moi sonado, xa que a política extractivista de Correa, principalmente no caso do Yasuní (área protexida) foi devastadora para as rexións amazónicas do Estado ecuatoriano, con varios encarceramentos (incluído Yaku), así como moitos casos de contaminación de petróleo en ríos amazónicos, e explotacións mineiras nos mananciais de auga, malia que Correa prometera respectalos.
    • Defende abertamente o “comunitarismo”.
    • Na súa proposta atopamos que os eixos fundamentais son o biocentrismo e a comunidade (que son os mesmos que os das comunidades indíxenas, que no Ecuador están recoñecidas como nación).
    • Propón, en definitiva, un cambio de políticas estatais, deixando de lado o neoliberalismo, apoiándose no campo, na educación e saúde públicas e na protección do páramos, onde reside a maior parte da auga do país.
    • Propón fuxir do extractivismo brutal que ataca agora mesmo o Ecuador e facer políticas de loita contra a violencia de xénero, Sen esquecer políticas de terra e autodeterminación dos pobos e nacionalidades indíxenas.
    • Nun principio houbo certa polémica, xa que as figuras de Leónidas Iza e Jaime Vargas, que foron os que lideraron as protestas de outubro de 2019, eran a priori as mellor situadas para liderar o movemento cara ás eleccións. Porén,finalmente decidiuse a candidatura de Yaku na asemblea de Pachakutik.
    • Programa electoral.
  12. Gerson Almeida:
    • Preséntase polo Movimiento Ecuatoriano Unido
    • Pastor evanxélico.
    • Representante político dos movementos antidereitos como o “#conmishijosnotemetas”, que loitou e logrou evitar que o Ministerio de Educación incluíse no curriculo unha educación sexual integral consonte as diferentes etapas educativas.
    • Programa electoral.
  13. Lucio Gutiérrez:
    • Preséntase polo movemento Partido Sociedad Patriótica.
    • Ex-militar e enxeñeiro civil de profesión.
    • Foi presidente no 2003, aínda que foi derrocado por unha revolta social, chamada Rebelión de los Foragidos, onde estiveron presentes, entre outras figuras políticas máis contemporáneas, Rafael Correa, Paco Velasco e María Paula Romo.
    • Despois de pasar uns anos no cárcere, volveu presentarse á presidencia en 2009 e en 2013, perdendo en ambas Na segunda obtivo algo máis dun 6 % de votos.
    • Chama a atención que no seu programa electoral conste a loita contra a corrupción, cando sempre estivo rodeado de polémicas e casos de corrupción.
    • Programa electoral.
  14. Giovanny Andrade:
    • Preséntase polo movemento Unión Ecuatoriana.
    • Empresario do sector mineiro que se declara responsábel co medio ambiente.
    • Chama a atención que a Cámara Minera Ecuatoriano Chilena, que el preside, teña a súa web oficial aínda “en construción” dende xaneiro de este ano.
    • Foi un recurso de emerxencia do seu movemento Unión Ecuatoriana, xa que os candidatos iniciais eran outros, pero estes non cumprían os requisitos e non aceptaran en persoa a súa propia candidatura.
    • Programa electoral.
  15. Paúl Carrasco:
    • Preséntase por Juntos Podemos.
    • A súa carreira política iniciouse con Izquierda Democrática, e foi vicepresidente da provincia (o equivalente ás Comunidades Autónomas) de Azuayata o 2007. Nese intre fundou outro movemento democrático, o Movimiento Encuentro Democrático, para máis tarde fundar Participaen 2013.
    • Preséntase polo movemento Juntos Podemos.
    • O seu programa presenta intencións moi ambiciosas, por exemplo a aspiración“a erradicar la desnutrición infantil y la pobreza extrema, la violencia basada en género, el maltrato infantil y todas las formas de discriminación por razones políticas, religiosas, sexuales, de identidad u otras que denigren la dignidad del ser humano” e afirma seren “enfáticos en el respeto a los derechos de la naturaleza y en las prácticas ambientales, así como en la conservación de nuestro patrimonio natural y el uso sostenible de nuestros recursos naturales y riquezas energéticas”.
    • Programa electoral.
  16. Juan Carlos Machuca:
    • Preséntase por Libertad es Pueblo, movemento do que é presidente o irmán do presidente Lenín Moreno.
    • Foi candidato á Prefectura de Pichincha (provincia onde se atopa a capital, Quito) polo PSP, partido de Lucio Gutiérrez, pero perdeu contra Gustavo Baroja.
    • Foi o avogado do ex-presidente da Federación Ecuatoriana de Fútbol no caso FIFA gate, onde empresas entregaban subornos ós principais directivos do fútbol ecuatoriano e onde este último foi condenado por lavado de activos.
    • Programa electoral: non atopado.
  17. Carlos Sagnay:
    • Preséntase por Fuerza Ecuador.
    • É a cabeza visíbel dun partido presidido por Abdalá Bucaram, ex-presidente e empresario moi influínte do país e con numerosos casos de corrupción, tanto el coma os fillos. Actualmente está prófugo.
    • Despois de non ter éxito en dúas eleccións máis, dedicouse a escribir artigos de opinión en diversos xornais físicos e dixitais.
    • Segundo o propio Sagnay “mi proyecto es netamente social en lo político, dar los mayores presupuestos, en educación y salud, porque una nación desarrollada se preocupa por los niños y los ancianos”.
    • Outro dos poucos casos que teñen as súas titulacións rexistradas na Senescyt.
    • Programa electoral.

Cando se consulta nos diferentes medios as sondaxes sobre estimación de voto (aínda que falta bastante e os datos poden non ser significativos nalgún caso), o que queda claro é que as candidaturas de Lasso, Arauz e Yaku son as máis importantes, e que o próximo presidente do país seguramente sairá das dúas primeiras. Isto é ata certo punto, preocupante, xa que a candidatura de Arauz-Rabascall acaba de aprobarse (10 de decembro de 2020) e non tiveron moito tempo para comezaren a facer campaña ou realizaren accións cara ás eleccións. Pola outra banda, a candidatura de Lasso é aterradora para os dereitos sociais e políticas públicas,  que xa se veñen precarizando ao longo da lexislatura de Lenín Moreno, quen contaba cun 6,9 % de credibilidade en novembro de 2020. O seu discurso é, nestes últimos nove anos que levo no país, un dos máis neoliberais . Alén diso, Lasso representa os ideais da igrexa e dos sectores máis conservadores do país, polo que, no caso de gañar, a perspectiva para os sectores populares e de baixos recursos vai ser realmente  preocupante e difícil.

A continuación un resumo das enquisas de decembro de CEDATOS, a empresa máis recoñecida a nivel de estatística no país e a que adoita achegarse máis aos resultados finais:

 

Álvaro Noboa

Lasso

Arauz

Yaku

Fontes

8 decembro 2020

-

23 %

13%

10,7 %

CEDATOS

3 de decembro

-

18,1 %

11.1 %

6.2 %

CEDATOS

2 de decembro

31.82 %

8.89 %

23.58 %

6.13 %

Omar Maruk Salem

Media

(entre varias enquisas tomadas de setembro a decembro)

31.82 %

23,57 %

19.7 %

10.74 %

 

 

 

Porén, nunha hipotética segunda volta* entre os posiblemente máis votados, os resultados de diferentes enquisas feitas entre setembro e novembro, dan os seguintes resultados:

Data

Lasso

Arauz

Yaku

15 novembro 2020

27.7 %

33.4 %

 

 

30.7 %

23.2 %

27.5 %

 

26.8 %

18 setembro 2020

39.4 %

48.2 %

 

 

47.9 %

18.4 %

10 setembro 2020

57 %

43 %

 

55 %

 

45 %

Media

(entre varias enquisas ó longo dos mesmos meses)

45.27 %

40.64 %

28.35 %

 

 

*Non se atoparon enquisas de hipotéticas segundas voltas co candidato Álvaro Noboa

Fontes:

 

Jesús Barrio Gómez

Profesor galego residente en Quito dende 2011

Eleccións estatais en Ecuador en 2021