[HEMEROTECA]

Referendo pola descolonización de Kanaky

Publicamos este artigo do compañeiro Hugo M. Andrade, emigrante residente en Occitania, lembrando aquela famosa sentencia de Friedrich Engels.

"Não pode ser livre um povo que oprime outros povos."

 

Hugo M. Andrade
Hugo M. Andrade

O domingo 12 de decembro do 2021 celebrouse un referendo sobre o futuro de Kanaky, illa
bautizada Nova Caledonia polos invasores ingleses (s. XVIII) e tamén denominada así polos
franceses (que ocuparon o territorio a partir do 1853).

Referendo pola descolonización de Kanaky

O pobo autóctono ficou apartado nun recuncho da illa e foi perdendo en número tanto por cuestións sanitarias como por mortes provocadas por diversas revoltas contra os invasores.

Nos anos 1960 comezou a explotación do litio, mineral que lle permitiu á poboación de orixe europea enriquecerse. Máis tarde, ao longo dos anos 1980 a situación empeora debido ás inxustizas e discriminación que vive o pobo kanak e teñen lugar máis revoltas; así, comeza o afrontamento entre dous campos, o independentista e o unionista.

As discriminacións étnicas continúan a día de hoxe con taxas de desemprego máis elevadas e condicións de vida máis duras para as persoas de orixe kanak.1

No 1987, seis xendarmes e 19 kanaks faleceron como consecuencia dunha revolta; tras estes feitos, desde París acéptase a celebración dun referendo sobre a independencia de Kanaky, seguido de outros dous referendos se así for preciso.

A celebración dos referendos foi fortemente criticada polo bando independentista por varios motivos (e. g.: milleiros de kanaks non estaban inscritos nas listas electorais), chegando a chamar ao boicot do terceiro por cuestións sanitarias en plena pandemia de covid, con máis de 12 000 casos confirmados e 280 mortes só desde setembro de 2021.2

O resultado do derradeiro referendo foi non á independencia como consecuencia dunha abstención masiva do bando independentista.3 Estes feitos danse nunha situación en que o independentismo é maioritario no Goberno Colexial de Kanaky, polo que é de agardar que o conflito provocado pola colonización non fose resolto.

O pobo kanak ten que ter dereito a exercer a súa autodeterminación, pero este dereito non pode estar supeditado a un ríxido calendario tecnócrata eurocentrado, que só beneficia os intereses capitalistas dunha parte da poboación sen ter en conta a situación de discriminación do pobo kanak. O que é máis, a celebración dun referendo durante unha situación sanitaria tan delicada como a que están a sufrir en Kanaky só vulnera máis aínda os dereitos do pobo kanak, mostra que o Estado francés non ten o máis mínimo interese en descolonizar a illa e amosa tamén que non lle importan os seres humanos e as súas vidas.

 

 

1. https://jornalet.com/nova/14418/nova-caledonia-la-patz-e-los-acordis-de-noumea-en-joc-dins-un-polemic-tresen-referendum-di

2. https://gouv.nc/actualite-covid-19

3. https://www.liberation.fr/politique/nouvelle-caledonie-tres-large-victoire-du-non-a-lindependance-dans-un-scrutin-marque-par-labstention-20211212_DS4KAOZP3VAADI2NJBJBIT3F6Q/

Referendo pola descolonización de Kanaky