Regulamento de funcionamento e organización territorial da Asemblea da Emigración

                                                                    bngae

Art. 1
A Asemblea da Emigración do BNG é a estrutura na que se organiza a militancia que reside no exterior do país, á que se lle recoñece a súa singularidade no funcionamento, adaptado á súa realidade específica. 

Art. 2
Os obxectivos da Asemblea da Emigración son os mesmos da organización a nivel nacional, aplicados ao seu ámbito de actuación, así como a vertebración e impulso da organización das comunidades galegas no exterior e a visibilización da nosa realidade nacional e das reivindicacións do pobo galego nos territorios onde actuamos.

Se ben as relacións internacionais son unha atribución do Consello Nacional do BNG, tamén forman parte do espazo político no que traballa a estrutura do BNG na emigración, polo que esta será informada e previamente consultada nas cuestións políticas que afecten aos territorios nos que actúen.

Art. 3
A Asemblea da Emigración diferénciase da estrutura comarcal existente no territorio galego polo seu funcionamento particular e específico que detalla este regulamento, mais homologarase a nível orgánico ás Asembleas Comarcais en todos os demais aspectos aquí non recollidos.

Art. 4
A Asemblea da Emigración ten garantida a súa participación na toma de decisións de ámbito nacional e contará cunha representación no Consello Nacional proporcional á súa militancia.

Art. 5
O organismo fundamental de toma de decisións son as reunións (por vía telemática) da Asemblea da Emigración, das que ten dereito a participar con voz e voto toda a militancia. A Asemblea reunirase como mínimo cada 3 meses. A Asemblea é responsábel de definir o traballo político do BNG na emigración e de escoller o Consello da Emigración.

Art. 6
A estrutura territorial da Asemblea da Emigración do BNG está conformada por Asembleas Territoriais -que se rexen polo funcionamento das asembleas locais do BNG, aínda que podan abranguer diversas localidades e territorios de diverso tamaño-. Un núcleo de 3 militantes pode impulsar a constitución dunha Asemblea Territorial, que deberá ser aprobada polo Consello da Emigración. Todas as asembleas contarán cando menos con un/ha Responsábel Territorial e un/ha Responsábel de Organización. Estas Asembleas poderán xuntarse presencial ou virtualmente, mais dando prioridade ao traballo de base presencial sempre que sexa posíbel.

Art. 7
Nos lugares onde exista presenza de militancia do BNG mais non se dean as condicións para a constitución dunha Asemblea, poderán constituírse Delegacións, en base ao acordo do Consello da Emigración.

Art. 8
A nivel de coordinación cada Asemblea ou Delegación estará integrada nunha Zona, que contará con unha persoa Coordenadora escollida polo Consello da Emigración. O Consello decidirá o número de zonas e os territorios que as integran en función das necesidades. A Coordenación das zonas prestará especial atención á militancia non organizada en Asembleas Territoriais, facilitará a creación de novas Asembleas ou Delegacións e garantirá o fluxo de información permanente e a transmisión das posicións políticas coas estruturas da súa zona.

Art.9
O Consello da Emigración é o organismo de carácter executivo que se reunirá entre Asembleas, como mínimo unha vez ao mes. Será escollido pola Asemblea, con un número de entre 5 e 15 persoas ás que se lles sumarán os representantes das Asembleas Territoriais constituídas. 
Os representantes das Delegacións poderán participar tamén do Consello con voz e sen voto.
Se unha persoa eleita pola Asemblea da Emigración causase baixa no Consello e non houbese suplencias, na vindeira xuntanza da Asemblea esta escollerá a persoa que a substitúa.

Art.10
A persoa que encabece a lista máis votada ao Consello será designada como Responsábel da Asemblea da Emigración, a Asemblea tamén escollerá a/o vicerresponsábel e a/o responsábel de organización.

Art.11
O Consello da Emigración impulsará canto menos as seguintes áreas de traballo: organización, finanzas, relacións internacionais e cos movementos sociais, comunicación, formación e acción feminista. Estas áreas de traballo organizaranse da forma que o Consello decida, e contarán con responsábeis designadas/os entre as/os membros do Consello se se considera necesario.

Art.12
A Asemblea da Emigración contará cun sistema de financiamento específico fundamentado nas cuotas da súa militancia, que será acordado conxuntamente polo Consello da Emigración e a Executiva Nacional e ratificado pola Asemblea. A maiores, poderanse procurar outras vías complementarias de financiamento, que deberán ser aprobadas polo Consello.

Art. 13
O presente regulamento, segundo marcan os Principios Organizativos e Normas de Funcionamento do BNG (8.31), será aprobado pola Executiva Nacional, tras a proposta da Asemblea da Emigración convocada a tal efecto e por maioría dos asistentes. Igualmente, só poderá ser modificado por ese mesmo órgano e seguindo o mesmo método.